Inicio Noticias
Categoría

Noticias

O pasado fin de semana pechábanse en Santiago os traballos do Sínodo Diocesano. As asembleas xerais que se celebraron desde o pasado mes de outubro finalizaron a súa reflexión sobre os relatorios que foran obxecto de estudo. Todo ese material, xunto ás achegas realizadas nas asembleas, xa están en mans do arcebispo, monseñor Julián Barrio, para a súa definitiva aprobación e que se convertan, así, “en normativa diocesana”, tal e como se indica na “Mensaxe Final do Sínodo Diocesano”, un texto que xa se pode consultar en http://www.archicompostela.gal/finalizaron-los-trabajos-del-sinodo-diocesano. Ao rematar este período de sesións, o Sínodo Diocesano fixo público, ademais, o seguinte comunicado final dirixido aos medios de comunicación social.

COMUNICADO FINAL

Acaba de terminar o período de sesións do sínodo diocesano. Durante catro anos a Igrexa compostelá reflexionou sobre a súa identidade e a súa actuación, buscando ser cada vez máis fiel ao Evanxeo, sabendo que o Evanxeo ha de ser boa noticia para as xentes da nosa terra e do noso tempo.

Nas propostas formuladas polas parroquias e outras comunidades, falábasenos dunha Igrexa:

  • Menos clerical e máis corresponsable, aberta á voz e a participación de todos os seus membros;
  • Menos centrada en si mesma e os seus problemas, para estar máis aberta ao mundo e á súa misión;
  • Menos preocupada da súa honra e máis envorcada en honrar o Señor que sae ao seu encontro nos máis necesitados;
  • Que antes de ser mestra, saiba ser discípula, no seguimento da palabra e o exemplo de Xesús;
  • Que antes de ofrecer respostas saiba escoitar as preguntas que o mundo lle dirixe.

Froito dos traballos sinodais foron cinco documentos que buscan:

  • Organizar a atención pastoral de forma máis adecuada aos cambios demográficos, promovendo unidades pastorais que agrupen varias parroquias.
  • Mellorar o noso modo de vivir e transmitir a fe.
  • Promover un maior sentido de corresponsabilidade entre todos os membros da nosa Igrexa, no pastoral, o administrativo e o económico.
  • Revisar as nosas celebracións, para que sexan cada vez máis unha celebración viva dunha fe comprometida.
  • Impulsar unha maior conciencia social na nosa diocese en distintos ámbitos: cultural, educativo, político, económico, comunicativo… cunha especial atención ás persoas social e economicamente máis débiles.

Toca agora poñer en práctica estes proxectos, sabendo que non sempre será fácil, pero contando coa esperanza que nos anima, co Espírito que nos impulsa a manifestar ao mundo o amor misericordioso de Deus que se manifestou en Xesucristo.

23 mayo, 2017
0 Facebook Twitter Google + Pinterest
Cursos formativos online 2017
Cursos formativos online 2017
Cursos formativos online 2017

O Equipo de delegados de Catequeses de Galicia e a Escola de Axentes de Pastoral da Parroquia de Carballo, en colaboración coa delegación de Medios da diocese de Santiago de Compostela, organizan 7 cursos de formación online dirixidos aos distintos axentes de pastoral (animadores bíblicos, catequistas, relixiosas/os, e animadores litúrxicos), ao profesorado de Relixión, e en xeral aos laicos e laicas que estean interesados en iniciar e/ou profundar un proceso de formación na súa fe e misión pastoral.

Son cursos coordinados por Miguel López Varela, Delegado de Catequeses de Santiago; Carlos Álvarez Varela, reitor do Seminario Maior, e Carlos Miramontes Seijas, diácono diocesano de Santiago; Ricardo Sanjurjo, delegado de Pastoral Universitaria de Santiago; Sor Almudena Vilariño, monxa Benedictina do Mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago; José Vidal, Vicario de Ensino da Diocese de Tui-Vigo; José García Gondar, párroco da Unidade Pastoral de Carballo; e Manuel Ángel García Gómez, experto en Novas Tecnoloxías

Temática

Os cursos ofertados este ano están distribuídos en tres bloques: por unha banda, tres cursos base (Biblia, Liturxia e Catequese), por outra banda, tres cursos monográficos (Discipulado, Espiritualidade litúrxica e un sobre a identidade cristiá en clave vocacional), e por último, un curso especializado en Novas Tecnoloxías no ámbito familiar.

Curso base sobre Biblia

Coordinador: José García Gondar

É unha introdución á historia da salvación. Non se trata dun estudo intelectual da Biblia, pero si ofrece uns coñecementos bíblicos fundamentais. Imos poder descubrir que a Palabra de Deus, é unha mensaxe de amor para todos nós e camiño de salvación. Vai permitir motivar a moitas persoas a que coñezan a Cristo Xesús, o comprendan e o amen.

Curso base sobre Liturxia

Coordinador: José García Gondar

A Igrexa anímanos a ter unha experiencia de Deus que atopa no litúrxico-sacramental a súa fonte e cima. O obxectivo deste curso é introducir o alumno no contido da liturxia pola cal a Igrexa católica, Corpo de Cristo, en unión co seu Señor e Salvador, Xesucristo, ofrece o culto de loanza e acción de grazas ao Pai pola santificación do mundo, cumprindo o seu mandato. Este curso axudaranos a coñecer, profundar e a vivir a liturxia dunha maneira máis consciente e activa.

Curso base de Catequética

Coordinador: José Vidal

Este curso convídanos a pensar sobre o quefacer da catequese: a contorna no que se realiza, as persoas ás que se dirixe, a mensaxe que transmite, o modelo e o método pedagóxico, a figura do catequista e a finalidade que se pretende. Esta reflexión está moi vinculada aos cambios que se producen no campo da sociedade, da Igrexa e da propia catequese; e ten, ademais, unha orientación práctica, pois ofrece elementos para a programación e realización da acción catequética.

Curso sobre Discípulos e misioneiros á luz da Palabra

Coordinador: Ricardo Sanjurjo

«Ide, pois, e facede discípulos a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo» (Mt 28,19). A chamada para seguir ao Señor e anunciar o Evanxeo, estendendo unha “rede” de discípulos segue sendo un dos contidos fundamentais da nosa fe cristiá, pero… en que consiste ser discípulo do Señor? Que é iso de ser misioneiro? Percorreremos distintas pasaxes bíblicas, coñeceremos mellor a algúns personaxes da Escritura e, a través deles, iremos debullando as diferentes etapas dese seguimento, desde o primeiro encontro con Cristo ata a dimensión misioneira e comunitaria do discipulado.

Curso sobre a identidade cristiá en clave vocacional: “Ser cristián: misterio e chamada”

Coordinadores: Carlos Álvarez Varela e Carlos Miramontes Seijas

Neste curso vai profundar nas raíces teolóxicas da vida cristiá en canto tal, que derivan do misterio mesmo da auto-revelación de Deus aos homes, nun contexto salvífico, ofrecer unha visión da vida do cristián na Igrexa centrada no misterio salvador de Cristo, coñecer mellor as diversas formas de vida ou resposta do cristián á chamada de Deus que se dirixe a todos os homes e mulleres do mundo. E dentro das distintas opcións de vida do cristián, recoñecer unha misión común para a Historia e o mundo, a misión da Igrexa.

Curso sobre Espiritualidade Litúrxica

Coordinadora: Sor Almudena Vilariño

Ofrécese este curso desde un enfoque vivencial (sen menoscabo da solidez dos temas) xa que unha espiritualidade non se estuda, vívese. E a espiritualidade litúrxica non é exclusiva de Beneditinos (a autora éo), de curas ou monxas, senón de todo bautizado. É vivir o gozo de celebrar a Xesucristo, de traducir na vida o Misterio Pascual, de vivir en Cristo. O obxectivo desta materia é espertar o sentido de pertenza á Igrexa, de chamar a unha unidade entre vida e celebración.

Curso sobre o uso das Novas Tecnoloxías na familia:

Coordinador: Manuel Ángel García Gómez

O papel da familia é clave para a prevención das adiccións. Na actualidade os nenos e adolescentes comunícanse a través de whatsapp, Twitter ou Facebook… ou navegan por internet con descoñecemento dos perigos que o mal uso destas plataformas pode ocasionar. Paralelamente, moitos pais atópanse con pouca información, con falta de criterios á hora de establecer unhas normas, etc. Nesta Escola, as familias atoparán instrumentos para fortalecer o papel como pai ou nai na educación dos fillos ante situacións de risco, como as dos usos problemáticos coas novas tecnoloxías, así como estratexias sobre a súa prevención.

 

Metodoloxía

Os cursos realízanse integramente por internet utilizando:

A utilización da plataforma é moi sinxela e non é imprescindible ter coñecementos informáticos. Tan só é necesario dispoñer dun pc, portátil ou tablet con acceso a internet. A Plataforma atópase activa as 24 hs. do día, polo cal cada alumno pode acceder no momento libre que poida dedicar ao estudo.

Materiais
Os cursos están organizados en Unidades temáticas. Hai materiais de estudo obrigatorio (sobre as cales se basean os traballos para realizar) e materiais de estudo opcionais (Materiais de profundización e de oración).

Cada unidade temática contén tres seccións:

A: Exposición do tema específico que forman a base do estudo.
B: Material complementario.
C: Tarefas a realizar: foros, cuestionarios, etc.

Os titores son os encargados de resolver as dúbidas e aclaracións que o alumnado precise.

Temporalización

Todos os cursos comezan o 1 de marzo, Mércores de Cinza, e terminan o 23 abril, Domingo da Misericordia.

Certificación

Ao finalizar e aprobar o Curso recíbese un Certificado de Aprobación.

Inscrición

Son cursos completamente gratuítos.

É necesario matricularse antes do 24 de febreiro utilizando un destes formularios:

www.archicompostela.es/cursos2017-matricula

www.catequesisdegalicia.com/cursos2017-matricula

www.parroquiacarballo.com/cursos2017-matricula

23 mayo, 2017
0 Facebook Twitter Google + Pinterest

A nova páxina web do Boletín Oficial do Arcebispado xa está dispoñible na dirección: http://boa.archicompostela.es

Este novo espazo é un complemento ás versións en papel e en PDF desta publicación, o que supón un avance á hora de difundir e dar a coñecer a realidade diocesana, xa que as principais vantaxes de que o BOA estea presente na Rede son:

  • Os artigos aparecen nos buscadores dixitais.
  • Fácil acceso ao contido, en calquera momento e en calquera lugar, grazas á súa adaptabilidade para dispositivos móbiles.
  • Artigos facilmente organizados tanto en números como en temas, así como un rápido acceso a exemplares atrasados.
  • Posibilidade de filtrar todas as noticias dunha mesma temática de entre todos os números publicados.
  • Facilidade para atopar calquera información publicada no Boletín (nomes propios, conceptos…) grazas ao seu propio buscador.
  • Etc.

Actualmente, están dispoñibles neste novo formato todos os números publicados no ano 2016. De todos os xeitos, desde a sección “publicacións” da páxina web da Arquidiocese (www.archicompostela.gal) e desde o Campus Archicompostela (http://campus.archicompostela.es) pódense consultar todos os números anteriores en formato PDF

Con este novo espazo web dedicado ao BOA, a Arquidiocese compostelá, aposta unha vez máis polo presente da comunicación e as novas tecnoloxías aplicadas á Igrexa e á Evanxelización.

23 mayo, 2017
0 Facebook Twitter Google + Pinterest
Entradas más antiguas