Home Noticias Cursos formativos online 2017

Cursos formativos online 2017

by santaeulalia

O Equipo de delegados de Catequeses de Galicia e a Escola de Axentes de Pastoral da Parroquia de Carballo, en colaboración coa delegación de Medios da diocese de Santiago de Compostela, organizan 7 cursos de formación online dirixidos aos distintos axentes de pastoral (animadores bíblicos, catequistas, relixiosas/os, e animadores litúrxicos), ao profesorado de Relixión, e en xeral aos laicos e laicas que estean interesados en iniciar e/ou profundar un proceso de formación na súa fe e misión pastoral.

Son cursos coordinados por Miguel López Varela, Delegado de Catequeses de Santiago; Carlos Álvarez Varela, reitor do Seminario Maior, e Carlos Miramontes Seijas, diácono diocesano de Santiago; Ricardo Sanjurjo, delegado de Pastoral Universitaria de Santiago; Sor Almudena Vilariño, monxa Benedictina do Mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago; José Vidal, Vicario de Ensino da Diocese de Tui-Vigo; José García Gondar, párroco da Unidade Pastoral de Carballo; e Manuel Ángel García Gómez, experto en Novas Tecnoloxías

Temática

Os cursos ofertados este ano están distribuídos en tres bloques: por unha banda, tres cursos base (Biblia, Liturxia e Catequese), por outra banda, tres cursos monográficos (Discipulado, Espiritualidade litúrxica e un sobre a identidade cristiá en clave vocacional), e por último, un curso especializado en Novas Tecnoloxías no ámbito familiar.

Curso base sobre Biblia

Coordinador: José García Gondar

É unha introdución á historia da salvación. Non se trata dun estudo intelectual da Biblia, pero si ofrece uns coñecementos bíblicos fundamentais. Imos poder descubrir que a Palabra de Deus, é unha mensaxe de amor para todos nós e camiño de salvación. Vai permitir motivar a moitas persoas a que coñezan a Cristo Xesús, o comprendan e o amen.

Curso base sobre Liturxia

Coordinador: José García Gondar

A Igrexa anímanos a ter unha experiencia de Deus que atopa no litúrxico-sacramental a súa fonte e cima. O obxectivo deste curso é introducir o alumno no contido da liturxia pola cal a Igrexa católica, Corpo de Cristo, en unión co seu Señor e Salvador, Xesucristo, ofrece o culto de loanza e acción de grazas ao Pai pola santificación do mundo, cumprindo o seu mandato. Este curso axudaranos a coñecer, profundar e a vivir a liturxia dunha maneira máis consciente e activa.

Curso base de Catequética

Coordinador: José Vidal

Este curso convídanos a pensar sobre o quefacer da catequese: a contorna no que se realiza, as persoas ás que se dirixe, a mensaxe que transmite, o modelo e o método pedagóxico, a figura do catequista e a finalidade que se pretende. Esta reflexión está moi vinculada aos cambios que se producen no campo da sociedade, da Igrexa e da propia catequese; e ten, ademais, unha orientación práctica, pois ofrece elementos para a programación e realización da acción catequética.

Curso sobre Discípulos e misioneiros á luz da Palabra

Coordinador: Ricardo Sanjurjo

«Ide, pois, e facede discípulos a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo» (Mt 28,19). A chamada para seguir ao Señor e anunciar o Evanxeo, estendendo unha “rede” de discípulos segue sendo un dos contidos fundamentais da nosa fe cristiá, pero… en que consiste ser discípulo do Señor? Que é iso de ser misioneiro? Percorreremos distintas pasaxes bíblicas, coñeceremos mellor a algúns personaxes da Escritura e, a través deles, iremos debullando as diferentes etapas dese seguimento, desde o primeiro encontro con Cristo ata a dimensión misioneira e comunitaria do discipulado.

Curso sobre a identidade cristiá en clave vocacional: “Ser cristián: misterio e chamada”

Coordinadores: Carlos Álvarez Varela e Carlos Miramontes Seijas

Neste curso vai profundar nas raíces teolóxicas da vida cristiá en canto tal, que derivan do misterio mesmo da auto-revelación de Deus aos homes, nun contexto salvífico, ofrecer unha visión da vida do cristián na Igrexa centrada no misterio salvador de Cristo, coñecer mellor as diversas formas de vida ou resposta do cristián á chamada de Deus que se dirixe a todos os homes e mulleres do mundo. E dentro das distintas opcións de vida do cristián, recoñecer unha misión común para a Historia e o mundo, a misión da Igrexa.

Curso sobre Espiritualidade Litúrxica

Coordinadora: Sor Almudena Vilariño

Ofrécese este curso desde un enfoque vivencial (sen menoscabo da solidez dos temas) xa que unha espiritualidade non se estuda, vívese. E a espiritualidade litúrxica non é exclusiva de Beneditinos (a autora éo), de curas ou monxas, senón de todo bautizado. É vivir o gozo de celebrar a Xesucristo, de traducir na vida o Misterio Pascual, de vivir en Cristo. O obxectivo desta materia é espertar o sentido de pertenza á Igrexa, de chamar a unha unidade entre vida e celebración.

Curso sobre o uso das Novas Tecnoloxías na familia:

Coordinador: Manuel Ángel García Gómez

O papel da familia é clave para a prevención das adiccións. Na actualidade os nenos e adolescentes comunícanse a través de whatsapp, Twitter ou Facebook… ou navegan por internet con descoñecemento dos perigos que o mal uso destas plataformas pode ocasionar. Paralelamente, moitos pais atópanse con pouca información, con falta de criterios á hora de establecer unhas normas, etc. Nesta Escola, as familias atoparán instrumentos para fortalecer o papel como pai ou nai na educación dos fillos ante situacións de risco, como as dos usos problemáticos coas novas tecnoloxías, así como estratexias sobre a súa prevención.

 

Metodoloxía

Os cursos realízanse integramente por internet utilizando:

A utilización da plataforma é moi sinxela e non é imprescindible ter coñecementos informáticos. Tan só é necesario dispoñer dun pc, portátil ou tablet con acceso a internet. A Plataforma atópase activa as 24 hs. do día, polo cal cada alumno pode acceder no momento libre que poida dedicar ao estudo.

Materiais
Os cursos están organizados en Unidades temáticas. Hai materiais de estudo obrigatorio (sobre as cales se basean os traballos para realizar) e materiais de estudo opcionais (Materiais de profundización e de oración).

Cada unidade temática contén tres seccións:

A: Exposición do tema específico que forman a base do estudo.
B: Material complementario.
C: Tarefas a realizar: foros, cuestionarios, etc.

Os titores son os encargados de resolver as dúbidas e aclaracións que o alumnado precise.

Temporalización

Todos os cursos comezan o 1 de marzo, Mércores de Cinza, e terminan o 23 abril, Domingo da Misericordia.

Certificación

Ao finalizar e aprobar o Curso recíbese un Certificado de Aprobación.

Inscrición

Son cursos completamente gratuítos.

É necesario matricularse antes do 24 de febreiro utilizando un destes formularios:

www.archicompostela.es/cursos2017-matricula

www.catequesisdegalicia.com/cursos2017-matricula

www.parroquiacarballo.com/cursos2017-matricula

Entradas Relacionadas